Etiquetas

martes, 19 de novembro de 2019

DÍA CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA I

Iniciamos unha serie de vídeos para conmemorar o  Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, feitos polo alumnado da materia "Igualdade e Imaxe".

O primeiro, de Alejandro Pita.

Grazas, Ale!



luns, 28 de outubro de 2019

Claudia López. Alcaldesa de Bogotá, lesbiana visible.

Que difícil segue sendo atopar lesbianas en política.
Claudia López acaba de ser elexida alcaldesa de Bogotá. Integrante do partido Alianza verde, entre as súas promesas están rematar coa corrupción, a homofobia e a xenofobia.
Aínda hai esperanza.
Aquí máis información: https://elpais.com/internacional/2019/10/28/colombia/1572226322_810246.html



luns, 21 de outubro de 2019

AROUSA VERDE


   Ola a todxs! Somos Nuria e Lucía, alumnas de 2º de Bacharelato e creadoras da plataforma polo desenvolvemento sostible “Arousa Verde”

   A idea de crear un proxecto conxunto levaba desde o verán pasado roldando as nosas cabezas. Cando o movemento global Fridays For Future deuse a coñecer, todo foi cobrando forma. Ver a Greta Thunberg, e a miles de mozas e mozos ao redor do mundo alzando a súa voz pola xustiza climática, fíxonos dar conta que, aínda sendo adolescentes e sen voz nas urnas, podiamos crear a nosa propia plataforma e poñer así un granito de area no ámbito local, co que concienciar á mocidade e á xente adulta. Din que para cambiar o mundo hai que empezar por unha mesma/un mesmo e, despois, continuar polos que che rodean.

   Aínda que este proxecto é moi novo, temos xa o apoio de moitas persoas repartidas por toda a ría e moitas ideas sobre a mesa. Algunhas delas son charlas en colexios e institutos da zona, recollidas de lixo por praias, reforestación na zona de Arousa, campañas de concienciación e divulgación, e proxectos a nivel municipal como promoción do transporte público e carril-bici, compostaxe, e reciclaxe.

   As actividades que levamos a cabo dende a nosa creación foron a concentración polo clima en Vilagarcía o 20 de setembro, unha recollida de lixo na praia de A Concha, e reunións co concelleiro de Medio Ambiente, o alcalde de Vilagarcía e outras asociacións da zona.

   Temos moitas gañas de traballar por un futuro para todxs, pero para iso precisamos da vosa axuda! Se queredes aportar suxerencias, participar en próximos eventos ou saber que está a ocorrer en materia de medio ambiente en O Salnés podedes seguirnos en Instagram (@arousaverde), Facebook (Arousa Verde) o simplemente pararnos polos corredores. Un saúdo e tede unha boa semana!





mércores, 16 de outubro de 2019

CLUB DE FÚTBOL DEFENDE AO COLECTIVO

Os capitáns de Unión Club Cee de fútbol portarán esta tempada o bracelete coa bandeira do arco da vella para "defender a liberdade e a igualdade".

Sendo o fútbol, en moitos casos, un altofalante de actitudes e comportamentos machistas, violentos e LGTBIfóbicos, a iniciativa é estupenda. Oxalá se estenda!

Aquí tedes o enlace: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/cee/2019/10/16/club-cee-defiende-span-langglliberdade-igualdadespan-brazaletes-lgtbi/0003_201910C16C89924.htm

Paloma García





venres, 11 de outubro de 2019

DÍA INTERNACIONAL DA SAÍDA DO ARMARIO

No IES Castro Alobre volvimos demostrar que non queremos nin armarios nin LGTBIfobia.
Deixamos aquí as emocionantes palabras da directora, Mariola Rodríguez, e o manifesto que lemos.
Un acto para lembrar.
Moitas grazas a todes!

"A celebración ou conmemoración de certas datas, son a nosa forma de reivindicar os dereitos que todas e todos temos e tamén de visibilizar eses mesmos dereitos e a falta de respecto que amosa a sociedade heteropatriarcal en moitas ocasións tanto no eido da igualdade de xénero coma no eido do colectivo LGTBI. Pero esta celebración concreta debería ir esmorecendo pouco a pouco polo propio concepto de armario. Se unha nena ou un neno puidese expresar libremente as súas atraccións afectivo-sexuais desde o primeiro momento en que as sente, se se sentise en total liberdade para ser quen e como queira ser e estar con quen queira estar, entón o concepto de armario deixaría de ter valor. A nosa meta non debe ser celebrar a saída do armario como data concreta, a nosa meta debe ser eliminar os armarios do futuro e da vida das nosas crianzas e da nosa xuventude para que sexan totalmente libres".



MANIFESTO SAÍR DO ARMARIO

Porque non necesitamos os vosos armarios.
Porque pasamos do voso odio.
Porque ninguén ten que vivir con medo.

Porque estamos orgulloses de ser lesbianas,
gais, bisexuais, transexuais, asexuais, intersexuais… queer,
non saímos do armario, ROMPÉMOLO A PATADAS!

Pedímosvos que rexeitedes a LGTBIfobia,
animámosvos a non xulgar a ninguén,
aconsellámosvos mirar a outro lado se é que isto vos molesta.

Queremos querer a quen queiramos sen dar explicacións.
Queremos vivir e deixar vivir.
Querémonos, QUERÉMOSVOS libres, visibles E FELICES!!

FELIZ DÍA DA SAÍDA DO ARMARIO!!!





luns, 7 de outubro de 2019

"Malaherba", Manuel Jabois

Malaherba
Manuel Jabois
Alfaguara, 2019.
 
Manuel Jabois (Sanxenxo, Pontevedra, 1978) é un escritor que reflexa a diario a actualidade nas súas columnas periodísticas.

Malaherba é a súa primeira incursión no mundo da novela e, segundo se nos conta na reseña, "é unha historia de dous rapaces que viven unha extraña e solitaria historia de amor. Un libro sobre as cousas terribles que se fan con cariño, escrito con humor e unha prosa rápida que avanza levando a Tambu e a súa irmá Rebe, a Claudia e o seu irmán Elvis, á fronteira dun mundo novo.

“La primera vez que papá murió todos pensamos que estaba fingiendo...”. Así arranca unha historia que destila inocencia e desconcerto e que nos lembra que o colexio pode ser territorio hostil cando somos diferentes nalgún aspecto.

O protagonista, Tambu, vive nunha familia que pasa dificultades, cun pai enfermo e unha nai, en certo sentido, ausente, despertando en nós ternura e necesidade de amparo. Mentras vive os derradeiros días da infancia descubre por primeira vez o amor e a morte e experimenta sentimentos aos que non sabe poñer nome. Xunto ao seu amigo Elvis, outro rapaz sensible e marxinado coma el, Tambu coñece o amor puro sen necesidade de etiquetas e comenza a dura aprendizaxe da vida adulta".

A novela ten un poso de tristura pero tamén de humor e está chea de frases dignas de suliñar: «Bien sabe Dios que es más peligrosa la pena que el odio, porque el odio puede destruir lo que odias, pero la pena lo destruye todo.»


Marián Rey

mércores, 2 de outubro de 2019

Sen música non hai vida

"Ninis" de TNT Band. Que mellor para comezar o curso.
Temazo con letra crítica, son perfecto. Pasean orgullosos a bandeira LGTB deste grupo e amosan os urinarios do Castro Alobre ao mundo enteiro.
Combinación perfecta!





Paloma García

mércores, 18 de setembro de 2019

Blanca

Curtametraxe contra a lgtbifobia feita polo alumnado do grupo de diversidades afectivo-sexuais do centro no curso 18-19.
Agradecemos dende aquí a colaboración de varias profesoras e profesores que se implicaron no proxecto.
No grupo sabemos que de cada unha das nosas palabras, os nosos xestos e as nosas actitudes depende a felicidade de Blanca. E así volo contamos:



La chica danesa

 A través da magnífica interpretación de Eddie Redmayne e Alicia Vikander, La chica danesa (título en español da orixinal The Danish Girl) introduce ao espectador na temática da transexualidade e da súa aceptación durante o primeiro terzo do século XX.
O enfoque permite sentir a angustia da xove transexual por non ser quen de reprimir o que sente e o que a identifica, pero tamén reflicte con elegancia e sutileza os sentimentos que experimenta a súa parella, mesturando frustración, lástima, aceptación, protección e tenrura.
A historia está baseada en feitos reais, en concreto, na biografía de Lili Elbe, a primeira transexual sometida a unha cirurxía de cambio de sexo, con todos os riscos que conlevaba na época. A súa vida recóllese nunha transgresora novela de 1933, Man into Woman, publicada por un amigo da propia Lili, e baseada nos diarios desta. Este argumento foi o xérmolo dunha novela do ano 2000, co nome da adaptación cinematográfica que nos ocupa e sobre a que se apoiou o director Tom Hooper.
Se á profundidade do tema lle engadimos a actuación dos protagonistas, a coidada escenografía, a envolvente música e a tenrura coa que o director nos amosa o mundo interior desta parella, o resultado é unha conmovedora e moi recomendable película que, ademáis, invita á reflexión e á conciencia social.

Mariola Rodríguez González


domingo, 26 de maio de 2019

17 DE MAIO

Aquí temos o vídeo do centro contra a LGTBIfobia.
A idea foi de Mariola. A realización do photocall e de moitos carteis foi traballo do noso grupo. Grazas a todxs!!!